Monday 29 de April de 2024

O tecido empresarial de Vimianzo reúnese para coñecer a plataforma proposta para mercar ‘en liña’


Esta acción enmárcase dentro do Plan de Rectivación Económica da Costa da Morte, impulsado principalmente polas alcaldesas de Vimianzo e Camariñas.
O tecido empresarial de Vimianzo reuniuse esta mañá na Casa da Cultura do municipio para ser coñecedores en primeira persoa da plataforma de e-commerce que se propón empregar para fomentar o comercio a través de Internet neste novo contexto socio-sanitario que estamos a vivir.
Esta acción enmárcase dentro do Plan de Reactivación Económica da Costa da Morte, impulsado polos Concellos de Vimianzo e Camariñas e no que participan tamén outros 11 concellos da contorna. O plan do Concello de Vimianzo é sufragar o custe da licencia na súa totalidade no primeiro ano de vida desta plataforma.
Esta plataforma, da empresa DBARRIO, foi a escollida das alternativas propostas, xa que fomenta en alto grao o comercio de proximide potencia a fidelidade coa clientela por parte do comercio que empregaría este servizo.
Ademais, facilita o modo de transporte, ampliando o abano de puntos de recollida e propoñendo a posibilidade de contactar con repartidores locais e inclusive co sector do taxi para realizar o servizo.
Nesta reunión, os comerciantes de Vimianzo acolleron a idea ‘de bo grado, amosándose tremendamente satisfeitos pola alternativa proposta’, comenta Rosa Sánchez, técnica de ADL de Vimianzo. Tanto é así que ‘sete empresas xa se anotaron na lista para solicitar a adhesión a este modo de venta a través de
Internet’, comentan desde a administración vimiancesa.
O Concello de Vimianzo poñerá a disposición do tecido comercial do municipio un directorio web para que se poidan inscribir no mesmo todos os comercios que así o desexen. Á reunión acudiron a alcaldesa, Mónica Rodríguez; a concelleira de Benestar, María José Pose; a técnica de ADL de Vimianzo, Rosa Sánchez; a técnica informática do Concello de Vimianzo, Lorena Cernadas e Pablo Sánchez e
Jacobo Santamarina, en representación da empresa que prestará este servizo, DBARRIO.

A alcaldesa de Vimianzo quixo destacar ‘a total aposta tanto nosa como do comercio local pola innovación. Estamos ante un contexto incerto no que cambiarán moitas das nosas costumes, e a maneira de mercar tamén cambiará’, incidiu a rexedora vimiancesa.

Xuntanza en Camariñas
Está previsto que o vindeiro martes 16 de xuño ás 9:00 horas na Casa de Pedra do Concello de Camariñas se celebre esta mesma reunión co tecido comercial do municipio camariñán.